A última semana do festival Cineuropa pon o foco no cinema galego e nas sesións especiais, con novas presentacións de películas e encontros arredor da creación audiovisual. Entre os títulos destacados figura Tralovento, de Eloy Domínguez Serén, que terá a súa estrea galega no festival tras o recoñecemento a Melania Cruz co premio á mellor actriz no Festival de Sevilla.
A programación inclúe a proxección de Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Díaz Betz, que reconstrúe a vida dos seus avós, Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro. Tamén se recuperará a figura do actor Luis Bar Boo no documental Bar Boo, de Josiño Araújo, e a nova película de Eloy Enciso, Todo es cárcel.
Destacan tamén as sesións especiais como a presentación de Edgar Neville. El español que vino de Hollywood, de José del Río, e encontros como 'Da marxe ao centro: poder e creación en feminino' e a mesa redonda '40 anos de Cineuropa: memoria dun festival, historia dun cinema'.
“"O cineasta francés Robert Guédiguian recibirá o Premio Cineuropa 2026 este venres 20 de novembro, ás 19.30 horas no Teatro Principal."
Tras a entrega do galardón, o festival estreará en España a última película de Guédiguian, Une femme aujourd’hui. O festival continúa ata o domingo 22 de novembro en sedes como o Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia e NUMAX.




