O filme, que propón unha viaxe polos límites entre a historia, a ciencia e o ocultismo a través da investigación dunha académica francesa sobre un enigmático dispositivo capaz de reproducir imaxes do pasado, foi o gran protagonista dunha edición dedicada a mudar a mirada do espectador.
O Xurado Oficial, composto pola escritora Lucía Solla, o crítico Ángel Quintana e o director da Cinemateca Suíza, Frédéric Maire, tamén recoñeceu a dirección de Ah Biao por Bian Jing (Border), o guión de Claudia Schaefer, Jee-Un Kim e Sun-Ju Choi por Staatschutz (Prosecution), e as interpretacións de Caique Copque (por A Margem do Rio) e Chen Emilie Yan (por Staatschutz). Ítalo Martins, tamén por A Margem do Rio, recibiu o premio á Mellor Interpretación Secundaria.
Pola súa banda, o Xurado Novo elixiu Fatherland, de Paweł Pawlikowski, como Mellor Película, destacando a súa posta en escena para abordar as feridas da guerra. Este xurado tamén premiou a dirección de Jane Schoenbrun por Teenage Sex and Death at Camp Miasma, o guión de Mike Leigh por Tender Loving Care, e as interpretacións de Hanns Zischler (por Fatherland) e as xemelgas Ekaterina e Sofia Stanina (por Nina Roza).
A gala de clausura, celebrada no Teatro Principal, tamén acolleu a entrega do Premio Cineuropa 2026 ao produtor galego Felipe Lage, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución ao Novo Cinema Galego. A programación completouse coa estrea en Galicia de As augas (2026), de Ledicia Sola.




