O reitor José Antonio Guzmán destacou durante o acto de investidura a condición de constitucionalista de Pereira Menaut, subliñando que "traballa sobre as palabras que limitan o poder e sabe mellor ca ninguén que unha constitución vale o que valen os seus termos, e que cando eses termos se volven elásticos o poder deixa de ter límites".
O profesor Antonio-Carlos Pereira Menaut, nacido en Santiago de Compostela en 1948, é un recoñecido constitucionalista cunha extensa traxectoria. Tras obter o grao de doutor en Dereito na USC, dedicou a súa vida á docencia, sendo autor de máis de 70 obras centradas na Unión Europea, a teoría constitucional, o federalismo e a organización territorial.
O seu vínculo con Chile remóntase a 1992, cando chegou á Universidad de Los Andes. Ao longo de 34 anos, impartiu múltiples seminarios e conferencias, e foi formador de xuristas chilenos como Marcela Peredo, actual ministra do Tribunal Constitucional. A súa visión do dereito constitucional foi frecuentemente revisada por especialistas a raíz dos procesos constitucionais abertos en Chile desde o ano 2020.
“"Durante máis de tres décadas, o profesor Antonio-Carlos Pereira Menaut viaxou a Chile, unhas visitas que forman parte da súa destacada traxectoria e que dan conta do profundo vínculo que o une ao país."
Ademais de Cristián Zegers Ariztía e Ignacio Arellano Ayuso, Pereira Menaut é un dos novos doutores Honoris Causa da institución chilena.




