A USC obtivo un total de catro axudas ATRAE nas tres convocatorias resoltas, sendo superada unicamente pola Universitat Autònoma de Barcelona con cinco. A Universidad de Sevilla tamén acadou catro contratos. No ámbito galego, a Universidade de Vigo (UVigo) logrou tres axudas e a Universidade da Coruña (UDC), dúas.
Os catro investigadores que desenvolven os seus proxectos na USC grazas ao programa ATRAE son María del Carmen Parafita Couto, Emiliano Treré, Cesar Lodeiros Seijo e Nicholas Márquez Grant. Parafita Couto, vinculada ao iLTIUS, traballa no proxecto ‘O cerebro de Babel: Cartografía de ecoloxías multilingües (BabelBrain)’ tras sete anos na Leiden University. Treré, do iDEGA, desenvolve ‘Ecoloxías de Datos: Exploración de formas de activismo medioambiental a través e contra os datos na sociedade das plataformas’ (DataECO), procedente da Universidade de Cardiff.
Cesar Lodeiros Seijo, do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS), chega á USC dende a Universidad Técnica de Manabí de Ecuador para desenvolver o proxecto ‘Afrontar os desafíos da acuicultura en mariscos: resiliencia, sustentabilidade e crecemento azul’. Nicholas Márquez Grant, do Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), aborda o proxecto ‘Arqueoloxía e Antropoloxía Forense ao Servizo da Sociedade’, tras pasar pola Cranfield University e a Oxford University.
Emiliano Treré foi recibido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xunto a outros investigadores ATRAE. Na xuntanza, á que tamén asistiu a ministra de Ciencia, Innovación y Universidades, Diana Morant, Treré presentou avances do seu proxecto DataECO e un exemplar do seu libro ‘Algoritmos de resistencia’. O proxecto, que tamén se desenvolve na USC, explora o activismo dixital e a resistencia algorítmica a nivel internacional, cun enfoque comparativo en España, Italia, Chile e Irlanda.
O Programa ATRAE busca fortalecer o sistema científico español mediante a contratación de persoal doutor con traxectorias sobresalientes que traballen no estranxeiro, financiando salarios, proxectos e infraestruturas. A USC ten unha participación activa, atraendo especialistas en lingüística, activismo dixital, acuicultura e antropoloxía forense, con fondos que poden superar o millón de euros.




