O acto, que cumpre coa Lei de Memoria Democrática, contou coa presenza do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; representantes de colectivos memorialistas; e familiares dos represaliados. Descubriuse unha placa que acredita a declaración das illas como Lugar de Memoria Democrática, outorgada o pasado agosto.
A xornada estivo marcada pola música de Uxía e O Carballo de Cen Pólas, e as intervencións do escritor Manuel Rivas e da poeta Olga Novo. O momento máis emotivo foi a entrega de declaracións oficiais de Recoñecemento e Reparación a familiares de 28 presos, declarando ilegais as súas condenas.
Entre os presos lembrados, militantes de esquerdas e sindicalistas, atópanse labregos, avogados, médicos e mariñeiros. Foron parte dos case 6.000 que pasaron polas illas entre 1936 e 1943, dos cales medio milleiro faleceron por asasinato ou enfermidades debido ás penosas condicións.
A homenaxe tamén se estendeu ás "madriñas", mulleres de Redondela que arriscaron a súa vida para facer chegar aos presos alimentos, roupa e comunicacións coas súas familias, tecendo unha rede de solidariedade clandestina.
“"ERAN O MELLOR" DO PAÍS E "NUNCA PERDERON A DIGNIDADE"
Fernando Martínez cualificou o acto como "unha xustiza" e describiu a supervivencia extrema, o terror psicolóxico e a falta de hixiene e atención médica que sufriron os presos. Engadiu que os relatos describen "unha supervivencia extrema" e que cada día falecían entre 10 e 12 persoas.
O secretario de Estado subliñou a importancia de manter viva a memoria destes "defensores da democracia" fronte ao "negacionismo dos herdeiros de quen os encarceraron".
“"NON HAI DEMOCRACIA PLENA SEN MEMORIA"
Guillerme Pérez, do Consello da Memoria Democrática, alertou de que "non hai democracia plena sen memoria" e criticou as actividades lúdicas nas illas que, segundo el, "minguan" a memoria das vítimas, apuntando á Xunta por permitilas.
María Barros, neta dun dos presos, Manuel Barros, lembrou aos represaliados e ás "madriñas", mencionando a mulleres como a súa bisavoa Luciana e outras veciñas.
O escritor Manuel Rivas fixo un alegato pola memoria afectiva, advertindo que esquecer o ocorrido é un "erro" que expón á xente nova ao autoritarismo.
Familiares como Ana Belén Moreda, bisneta de Alfonso Moreda Vázquez, e Román Santalla Agra, neto de Jaime Agra, expresaron a súa satisfacción pola homenaxe, aínda que sinalaron que "chega tarde".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou á Xunta de Galicia a asumir un "compromiso real" para divulgar o ocorrido en Lugares de Memoria Democrática como San Simón, fronte ás "políticas do esquecemento" da dereita e a ultradereita.




