Estas vivendas construiranse en dúas parcelas cedidas de balde á Xunta polo Concello de Santiago. Para axilizar a intervención, a Xunta licitou nun mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección e a execución das obras.
Na adxudicación, o uso de técnicas industrializadas suporá ata o 25% da puntuación. Este sistema, segundo indica a Xunta, non só permite reducir prazos, senón que tamén mellora a calidade, a eficiencia, a sustentabilidade e a seguridade laboral na construción.
A nova promoción constará de dous bloques na avenida Syra Alonso: un no número 7 con 17 vivendas e outro no número 5 con outras 17.
Ademais desta actuación, na cidade de Santiago, a Xunta está a construír outras 60 vivendas públicas no Castiñeiriño e en Lamas de Abade, e ten en marcha 36 vivendas en Volta do Castro e 60 aloxamentos xuvenís en Xoán XXIII.
Tamén se está a desenvolver o concurso de ideas para 244 vivendas públicas e unha residencia xuvenil de 150 prazas en Salgueiriños, que recibiu 39 propostas. Paralelamente, estase a impulsar a construción de 3.609 vivendas, o 80% protexidas, no ámbito de Mallou.




