As bolsas permitirán que as e os investigadores seleccionados afonden en materias lingüísticas, literarias, históricas e antropolóxicas sobre o idioma galego. Os proxectos inclúen o Dicionario histórico-etimolóxico da Lingua galega, a Bibliografía da lingua galega, a Fraseoloxía galega, o Corpus de referencia do galego actual (CORGA), as Cantigas de Santa María, a Prosa literaria medieval, a Terminoloxía científico técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, a Base de datos do ALIR (Atlas Lingüístico Románico), e Dicionarios de literatura infantil e xuvenil.
A comisión avaliadora tivo en conta os méritos acreditados polos solicitantes, como a nota media do expediente académico, a formación complementaria, as comunicacións e congresos relacionados coa bolsa ou as publicacións. A data estimada de comezo destas investigacións será o 1 de decembro deste mesmo ano e rematarán o 30 de novembro de 2028 como máximo.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca fomentar a capacitación dos titulados universitarios e promover o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega. O Centro Ramón Piñeiro, como entidade investigadora de referencia, potencia o prestixio da lingua galega e os traballos de investigación nestes eidos.
O Centro Ramón Piñeiro é un organismo dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que promove a formación e capacitación de persoas universitarias en humanidades. As súas liñas de traballo céntranse na lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias, a identidade colectiva e a dixitalización do coñecemento.
Desde a súa fundación, hai 28 anos, máis de medio milleiro de investigadores pasaron polos proxectos impulsados polo centro.




