Máis dun cento de composteláns manifestáronse este luns na Praza Roxa para esixir solucións ante o crecente clima de inseguridade, pelexas e tráfico de drogas que afecta á cidade. A protesta, convocada pola Asociación de Veciños Raigame e secundada por outros colectivos, xurdiu tras un fin de semana marcado por episodios violentos e a morte dun home por posible sobredose nun narcopiso.
Os veciños expresaron a súa alarma e "fartura" ante unha situación que consideran que xa non se limita á noite e que afecta á convivencia e ao comercio local. Reclaman unha resposta "integral e sostida" das autoridades, con máis control sobre os narcopisos, actuación contra o tráfico de drogas, medidas contra a inseguridade e maior presenza policial coordinada.
A concentración produciuse despois de dous incidentes violentos ocorridos o domingo 31 de maio nas inmediacións do pub Stilo, na rúa de Fernando III O Santo: unha pelexa multitudinaria e unha agresión con botella rota. Estes feitos súmanse a outras agresións, pelexas e mostra de trapicheo denunciadas nas últimas semanas nas redes sociais.
Desde as asociacións vecinais sinalan que o problema "non é puntual" e remóntase a hai uns tres anos, cando comezaron a intensificarse os incidentes. Critican a "incompetencia" das autoridades para solucionar estes problemas e advirten de que, de non obter solucións, convocarán novas mobilizacións.
A oposición tamén se pronunciou sobre a situación. O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, insistiu en que a seguridade "non é unha cuestión de ideoloxía" e criticou a ausencia da alcaldesa na mobilización veciñal, preguntándose como se van solucionar os problemas se quen goberna considera que non existen.




