Un equipo interdisciplinar de ambas as institucións desenvolveu un sistema que combina o uso de pictogramas e simulación para ensinar as habilidades clave do soporte vital básico (SVB). Os resultados iniciais mostraron "melloras significativas" na execución dos pasos esenciais tras a intervención formativa.
A adquisición de habilidades é comparable á de nenos con desenvolvemento neurotípico.
A USC destacou que a formación en reanimación cardiopulmonar (RCP) dende idades temperás é unha das estratexias máis eficaces. Non obstante, o equipo de investigación subliñou que os programas de formación existentes adoitan "excluír ou non adaptar adecuadamente aos nenos con discapacidade", o que xera unha importante "brecha" educativa e social.
Para abordar esta problemática, as doutoras Aida Carballo Fazanes da USC e Alba Elena Martínez Santos da UDC lideraron o desenvolvemento e avaliación desta intervención. A metodoloxía emprega materiais adaptados con pictogramas específicos para o adestramento na identificación e actuación ante un paro cardiorrespiratorio.
Dado que non existían pictogramas específicos para a formación en SVB neste grupo, algúns foron deseñados orixinalmente polo propio equipo de investigación, coa colaboración dun estudante de medicina como ilustrador. Actualmente, trabállase no rexistro destes materiais co obxectivo de que poidan ser utilizados e transferidos a outros contextos educativos e sanitarios.




