A iniciativa ‘Eclipse 2026.8.12 en Lugo’, que nace ao abeiro do proxecto UMBRA, ten como obxectivo construír un relato fotográfico colectivo sobre como Lugo e a súa provincia viviron o acontecemento astronómico. Máis alá das imaxes técnicas, UMBRA busca capturar as diferentes formas en que a eclipse se percibiu: as persoas, as actividades, a paisaxe, a arquitectura, os cambios na luz ou os momentos compartidos.
O prazo para o envío de fotografías, realizadas en calquera punto da provincia de Lugo, con especial atención ás tomadas na cidade, está aberto ata o 30 de outubro. As imaxes poden enviarse a través do enderezo dispara [at] dispara.org. As fotografías seleccionadas formarán parte dun fotolibro colectivo editado por Dispara e dunha exposición na Deputación de Lugo, coa participación da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística. As persoas cuxas obras sexan elixidas recibirán un exemplar do libro e unha copia da súa fotografía.
A eclipse total de Sol do 12 de agosto converteu Lugo nun dos lugares privilexiados para observar este fenómeno, quedando dentro da franxa de totalidade durante máis dun minuto. Dada a singularidade da experiencia e que a cidade non volverá experimentar unha eclipse total de Sol ata o ano 2480, UMBRA aspira a deixar un testemuño visual para as xeracións futuras. O proxecto conta co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, Caixa Rural Galega e a Sociedade Española de Astronomía.
Ademais da convocatoria de UMBRA, o proxecto ‘Eclipse 2026.8.12 en Lugo’ tamén anima á cidadanía a compartir fotografías e vídeos a través do enderezo info [at] eclipse2026lugo.gal. O obxectivo é crear unha galería máis informal e participativa no web do proxecto, que medre coas achegas cidadás e conserve diferentes perspectivas da eclipse en Lugo. Para acompañar cada material, só é necesario indicar o nome do autor/a, o lugar de realización e, opcionalmente, a conta de redes sociais.




