Con motivo da celebración dos partidos da Copa Galicia de baloncesto, que terán lugar o sábado 5 de setembro ás 18:00 e ás 20:30 horas e o domingo 6 de setembro ás 19:00 horas no multiusos Fontes do Sar, o Concello de Santiago de Compostela implementará servizos de transporte adicionais.
Establecerase un servizo lanzadeira con saída desde a rúa da Rosa ata o multiusos Fontes do Sar. O sábado 5, os servizos de ida realizaranse entre as 17:00 e as 18:00 horas. Para o segundo partido, haberá servizos de volta e ida entre as 19:30 e as 20:30 horas, e á finalización deste último, servizos de volta. O domingo 6, os servizos de ida terán lugar de 18:00 a 19:00 horas, e á finalización do partido, haberá servizos de volta.
Ademais, prolongarase a liña C11 (circular de Fontiñas) para dar servizo ao multiusos Fontes do Sar. O sábado 5, esta liña realizará viaxes con paso aproximado por Xeneral Pardiñas entre as 17:00 e as 20:30 horas. O domingo 6, as viaxes con paso por Xeneral Pardiñas realizaranse entre as 18:00 e as 19:00 horas.
As paradas máis céntricas para coller a liña C11 sitúanse nas rúas Xeneral Pardiñas, praza de Galicia, rúa da Ensinanza e rúa Virxe da Cerca. Ao remate de todos os partidos, manterase o servizo lanzadeira con destino á rúa da Rosa.




