A exposición Ser Noutras, aberta na Cidade da Cultura, exhibe máis dunha trintena de obras galegas pertencentes á colección do Museo Reina Sofía. Estas pezas dialogan co traballo dunha vintena de creadoras galegas que realizaron unha obra inédita ou presentaron unha xa existente para este proxecto.
O resultado son medio centenar de obras de 45 artistas dos séculos XX e XXI que configuran un percorrido por “18 conversas creativas”, segundo remarcou o conselleiro José López Campos, “un relato colectivo, vivo e interxeracional”. Creadores actuais como Chelo Matesanz, Xisela Franco, Andrea Costas, Julia Huete, Mar Vicente, Yoseba MP, Pablo Barreiro, ou Lois Patiño conectan coas figuras consolidadas de Arturo Souto, Julia Minguillón, Virxilio Viéitez, Berta Cáccamo, José María de Labra, Xurxo Lobato, Francisco Leiro ou Menchu Lamas.
A mostra ofrece pintura, escultura, instalación, fotografía e videoarte nun discurso expositivo que, explicou López Campos, ofrece unha visión dunha colección de arte “non como algo estático e inmutable, senón conectada cun proceso artístico activo do que poden nacer obras novas, como as 15 pezas inéditas creadas para esta mostra”.
Destacan diálogos como o que conecta a pintora Maruja Mallo coa artista Marta Pazos, materializado nunha gran instalación espacial que funciona como “teatro visual” e escenario da mostra. Outro binomio creativo reviveuse en directo co recital da poeta Yolanda Castaño e a artista Loreto Martínez Troncoso.
Durante a apertura completouse a instalación performativa Llamar, multiplicar, do artista Rodríguez-Méndez, inspirada pola obra de Tino Grandío, Campesino afila guadaña.
No acto de apertura tamén participaron Carlota Álvarez Basso (Museo Reina Sofía), Anxo M. Lorenzo (Xunta de Galicia), Ana Isabel Vázquez (Cidade da Cultura), e as comisarias Verónica Santos e Chus Martínez.
Ser Noutras poderá visitarse ata o 28 de marzo de 2027. O programa Gaiás inspira despregará actividades relacionadas coa mostra, dirixidas a público adulto, familiar e escolar, coa participación de varios artistas e abordando temas como a memoria, o feminismo ou o territorio.




