O obxectivo desta contratación, publicada no Portal de Contratos Públicos da Xunta, é garantir unha execución eficaz, ordenada e segura do conxunto de actividades necesarias para o traslado e posta en funcionamento do novo hospital público pontevedrés. O contrato abarca a definición do procedemento para o traslado de mobiliario e equipos, así como asistencia técnica e apoio na recepción do equipamento novo.
O responsable do servizo deberá realizar un inventario previo e xestión de espazos, identificando o emprazamento físico de cada elemento nos distintos servizos e dependencias. Tamén se valorarán os equipos críticos e as limitacións loxísticas asociadas ao seu traslado por fases.
Establécese a necesidade de definir unha secuencia de execución detallada cun cronograma que represente todas as fases, así como a configuración de equipos de traballo multidisciplinares. Prevese tamén a planificación da acollida de usuarios e profesionais e o funcionamento simultáneo de servizos cando sexa preciso.
Elaborarase un plan específico para a xestión, traslado e protección da documentación confidencial, conforme á normativa vixente, e definiránse os procedementos para a xestión e traslado de residuos xerados durante o proceso.
O prazo de execución é de nove meses: cinco para a planificación, un para a supervisión e aprobación do plan, e tres para a execución material do traslado. A posta en funcionamento de radioterapia será o primeiro servizo operativo. Para a dotación de obra e equipamentos do Novo Montecelo, o orzamento da Xunta para 2027 ascende a 55,2 millóns de euros, dos cales 11 millóns son para rematar a obra e licitar a cafetería e o aparcadoiro, 38 millóns para equipamento final e 5,7 millóns para equipamento TIC.




