O nomeamento tivo lugar por unanimidade a pasada semana na Universitat de Alacante, no marco do Congreso bianual da Sociedade. Para a profesora Lorenzo, esta designación “non só representa un recoñecemento a miña traxectoria académica senón que tamén dá conta do prestixio da USC no ámbito dos estudos medievais”.
Pilar Lorenzo Gradín, membro do ILTIUS, ten unha ampla traxectoria como investigadora visitante en diversas universidades europeas, incluíndo a Università ‘La Sapienza’-Roma, Université Paris IV-Sorbonne, Universidade Clássica de Lisboa, Universidade de Coimbra, Università degli Studi de Milán, Universitá de Siena e o Collège de France (París).
Os seus estudos céntranse na literatura románica medieval, a edición de textos e a difusión da lírica galego-portuguesa en plataformas dixitais. Entre as súas publicacións destacan libros como La canción de mujer en la lírica medieval (1990), A cantiga de amigo (1998, con M. Brea), The Matière de Bretagne in Galicia (2015) e O fragmento galego do Livro de Tristan. Edición paleográfica e crítica (2017). Tamén realizou traballos relevantes sobre os cancioneiros de trovadores do círculo do rei Alfonso X.
Desde 2014, codirixe con Mercedes Brea no Centro Ramón Piñeiro (CIRP) o proxecto 'Lírica profana galego-portuguesa', ligado a bases de datos como MedDB e PalMed. Dende 2020, é directora da Área de Literatura neste centro. Ademais, dirixiu proxectos de investigación do Plan nacional e colaborou no proxecto Geoarpad da UE.
Dende 2003, é responsable académica na USC do Doutoramento europeo en ‘Filoloxía e Crítica’, que inclúe universidades como a de Siena, Milán, Pavía, Collège de France, OVI - Fondazione Ezio-Franceschini (Firenze), Paris IV-Sorbonne, Pisa e Zürich. Tamén puxo en marcha o Programa de Doutoramento interdisciplinar 'La Edad Media. Imágenes, Textos, Contextos' e coordinou doutoramentos en 'Estudos medievais' e 'Filoloxía Románica'.
Ten impartido numerosos cursos e conferencias en universidades e participado como relatora en congresos. Forma parte do Comité científico de revistas de literatura medieval e dirixe a colección ‘Medioevo Ispanico’. En 2023, foi elixida presidenta da Sociedade española de Filoloxía Románica (SEFR).




