Esta iniciativa permite que a sociedade galega, incluíndo empresas, entidades e cidadanía en xeral, poida implicarse na celebración e deseño de eventos enmarcados no Xacobeo 2027. A convocatoria conta con dúas liñas principais: unha destinada a persoas físicas e Pemes, cunha dotación de 1,3 millóns de euros, e outra para entidades sen ánimo de lucro, con 700.000 euros.
Os proxectos poderán presentarse ata o vindeiro 31 de outubro e deberán ser executados entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2027. As axudas poderán alcanzar ata o 60% do orzamento subvencionable para entidades privadas e ata o 80% para entidades sen ánimo de lucro, cun límite máximo de 25.000 euros por proxecto.
Actualmente, estanse a desenvolver 55 proxectos na convocatoria de 2026, cun investimento de 1 millón de euros, que propician preto de 300 accións culturais, deportivas, sociais e patrimoniais por toda Galicia, vinculadas aos valores do Camiño de Santiago.
Desde a posta en marcha do programa en 2019, aprobáronse 627 proxectos, convertendo a cidadáns e asociacións galegas en embaixadores do Camiño. Os proxectos admitidos poderán ser de ámbito artístico, patrimonial, de pensamento, deportivo e social, sempre que contribúan á dinamización dos Camiños de Santiago, ao desenvolvemento rural, á inclusión e á accesibilidade, incorporando criterios de calidade, igualdade e respecto polo medio ambiente.




