O Grupo Show Pequeno de categoría nacional do Club de Patinaxe Artística Brión acadou a medalla de prata na Copa de España, celebrada a pasada fin de semana en Alcoy. Este logro marca o cuarto ano consecutivo no que o club se sube ao podio desta prestixiosa competición, sumando xa tres pratas e un bronce ao seu palmarés.
Este éxito non é casualidade, senón o reflexo do gran traballo e dedicación do equipo técnico e das patinadoras. A entidade demostra un excelente estado de forma, froito de moitas horas de adestramento para chegar en condicións óptimas a cada competición.
“"Ver as nosas patinadoras manter este nivel ano tras ano é un orgullo. O gran traballo de todo o equipo é o que nos permite competir de ti a ti cos mellores clubs do país, tanto no Campionato de España celebrado hai pouco en Guadalajara, onde os resultados foron incribles, como nesta Copa de España."
Sen apenas tempo para o descanso, o equipo xa ten a vista posta no seu próximo e ambicioso desafío: a Final World Cup en Italia. Esta será unha cita histórica para o club, xa que supón a súa primeira participación nunha competición internacional. En Italia, as patinadoras de Brión non só representarán o seu municipio, senón que levarán o nome de Galicia e España ao escenario mundial.
Debido á alta esixencia económica que supón unha competición deste nivel e á escaseza de axudas institucionais, o club fixo un chamamento á colaboración. A entidade, as familias e as propias patinadoras iniciaron diversas iniciativas para recadar fondos, co obxectivo de sufragar os gastos e permitir que o equipo se centre exclusivamente no aspecto deportivo. O CPA Brión anima a veciños, institucións e empresas locais a apoiar este grupo de mozas patinadoras que, co seu esforzo, situaron a Brión no mapa do patinaxe artístico internacional.




