O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou as instalacións de Igaxes, entidade encargada do desenvolvemento do programa de inserción sociolaboral para menores tutelados pola Xunta de Galicia.
No ano 2025, un total de 745 menores baixo o sistema de protección autonómico participaron na iniciativa Mentor, o que supón un incremento do 4% respecto ao exercicio anterior. O obxectivo principal deste programa é facilitar que os mozos e mozas se preparen para a vida adulta, tanto a nivel persoal como profesional, proporcionándolles ferramentas para a súa formación e inserción no mercado laboral.
A Xunta destinou máis de tres millóns de euros de fondos europeos ao programa Mentor. Esta iniciativa ofrece axuda, asesoramento e seguimento especializado a mozos e mozas de entre 16 e 21 anos, podendo estenderse o apoio ata os 25 anos nalgúns casos. Galicia foi pioneira na posta en marcha desta proposta, recibindo recoñecemento da Unión Europea como exemplo de boas prácticas.




