As axudas están destinadas a fortalecer actuacións puntuais promovidas por organizacións non gobernamentais e outros axentes galegos. As iniciativas aprobadas contan cunha duración máxima de 12 meses e buscan mellorar as condicións de vida en territorios vulnerables mediante o apoio a infraestruturas, materiais e persoal.
Entre as entidades beneficiarias atópanse Beyond Suncare, con traballos en Malawi; a Fundación Ayuda Solidaria Hijas de Jesús, en Bolivia; Miradas al Mundo, en Guinea Bissau; e Semilla para el Cambio, na India. Así mesmo, a Asociación de Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal) desenvolverá dous proxectos, un deles en campamentos saharauís e outro no Perú.
O financiamento autonómico pode cubrir ata o 95 % do orzamento total de cada proposta, cun límite de 30.000 euros por proxecto. Os fondos permiten sufragar gastos de alugueiro, reformas, adquisición de equipamento informático, servizos técnicos e gastos correntes de funcionamento no país de destino.




