O catálogo, elaborado polo nodo galego de conectividade Conectivi.gal, promove a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), recolle ferramentas que empregan sensores, redes de telecomunicacións, plataformas de datos, intelixencia artificial ou realidade virtual. O obxectivo é mellorar a eficacia, accesibilidade e proximidade da xestión pública e dos servizos cidadáns.
As solucións están organizadas en catro áreas principais: xestión da Administración (4 proxectos), cidade ou vila intelixente (5 proxectos), seguridade e mobilidade (5 proxectos) e cultura, educación e turismo (3 proxectos).
Dentro da xestión da Administración, inclúense sistemas para a auditoría de residuos, a apertura autónoma de instalacións públicas mediante o móbil, a monitorización de cultivos agrícolas baseada en datos e controis de entradas e accesos a edificios.
No ámbito de cidades intelixentes, destacan as réplicas virtuais de territorios para a toma de decisións, a monitorización ambiental, cámaras intelixentes, ventás virtuais para o control do tráfico e a xestión remota de infraestruturas.
En seguridade e mobilidade, o catálogo presenta marquesiñas intelixentes con información en tempo real para o transporte público, xestión de pasos de peóns, visores territoriais 3D e control de edificios con intelixencia artificial.
Finalmente, na área de cultura, educación e turismo, atópanse solucións para crear ecosistemas abertos de aplicacións municipais, espazos de coñecemento compartido entre concellos e empresas, e sistemas de autoxestión dixital para espazos educativos e culturais.




