O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico avanza na execución do Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029 coa posta en marcha destas unidades. Estas enfermidades representan o 60% das baixas laborais na comunidade, cunhas 22.000 incapacidades temporais por patoloxías músculo-esqueléticas e 15.000 por trastornos de psiquiatría menor como depresión ou ansiedade.
O obxectivo destas unidades é "mellorar a atención aos traballadores de baixa para favorecer que a recuperación sexa óptima e reducir a posibilidade de que aparezan complicacións ou secuelas da enfermidade". Ademais, xa se puxo en funcionamento a autorización e comunicación conxunta das actividades das mutuas sobre os procesos de baixa, simplificando a tramitación.
A comezos de 2027 prevese convocar axudas para a substitución de persoas traballadoras autónomas durante baixas de longa duración, co fin de manter activos os seus negocios. A Xunta tamén deseña a Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable, un servizo online e telefónico para empresas e traballadores sobre baixas, axudas e resolución de dúbidas.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ultima guías de prevención de riscos en sectores como a industria conserveira, carnizarías, peixarías, vendima, gando vacún, limpeza, salóns de peiteado, talleres ou o sector forestal.
Ademais, a comezos do próximo ano, Galicia será a primeira comunidade en contar cun programa piloto de acompañamento no retorno ao traballo tras unha baixa, coa figura dunha persoa coordinadora de reincorporación de dimensión sociolaboral. Nas próximas semanas constituirase a comisión tripartita para o seguimento do plan integral, que inclúe axudas para equipamento ergonómico e servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética.




