O plan, resultado dun proceso participativo con diversos axentes, articúlase en cinco grandes eixes estratéxicos e 52 accións. O primeiro eixo céntrase na mellora das infraestruturas, incluíndo a xestión de Tramos de Concentración de Accidentes (TCA) e medidas específicas para reducir a sinistralidade con fauna, como o incremento do valado perimetral en zonas de risco.
O segundo eixo busca reforzar a seguridade dos usuarios vulnerables como peóns, ciclistas, motociclistas e usuarios de patinetes eléctricos, mediante a construción de beirarrúas, carrís bici e sendas peonís, e a mellora de paradas de autobús e sistemas de protección para motoristas.
A terceira liña de actuación enfócase na mellora da seguridade dos vehículos e na diminución de condutas de risco como o exceso de velocidade ou o consumo de alcol/drogas, a través da posta en valor da inspección técnica de vehículos e o control do transporte por estrada.
O cuarto eixo impulsa a educación e formación viaria para toda a poboación, promovendo unha cultura preventiva con cursos de condución segura, accións formativas para profesionais do transporte e campañas de concienciación dirixidas a pais e fillos.
O quinto e último piar estratéxico garante respostas rápidas e eficaces tras un sinistro, mellorando os servizos de emerxencia e a asistencia sanitaria, operativa e psicolóxica a vítimas e familiares. O plan tamén inclúe un modelo de gobernanza e seguimento que fomenta a colaboración institucional e a participación dos axentes implicados.
Este Plan aliñase cos obxectivos da Estratexia de Seguridade Viaria 2030 da Dirección Xeral de Tráfico e as políticas europeas, que buscan reducir á metade o número de falecidos ou feridos graves en accidentes de tráfico para ese ano.




