A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, visitou o Concello para coñecer as obras de reforma interior e renovación da cuberta da Casa Común de Solláns en Calo. Este equipamento municipal de carácter social é un punto de encontro veciñal, cultural e comunitario.
A actuación conta cun apoio da Xunta de case 30.000 euros a través da orde de infraestruturas de uso público da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes.
As obras executadas inclúen a renovación integral da cuberta, a impermeabilización das chemineas e a substitución de canlóns e baixantes. Tamén se renovará a pintura da fachada exterior.
No interior, habilitarase un novo espazo de aseos, mellorando o illamento térmico, os revestimentos e pavimentos, así como as carpintarías exteriores para incrementar a eficiencia enerxética. Tamén se renovarán as instalacións de fontanería e saneamento.
Ademais, adaptaranse as escaleiras para mellorar a accesibilidade e seguridade, instalarase falso teito, renovarase a iluminación con tecnoloxía LED e dotarase dun sistema de ventilación.
Belén do Campo lembrou que o municipio xa recibiu o ano pasado outros case 30.000 euros desta orde para obras de reparación na envolvente exterior da Casa do Concello.
O Goberno galego busca impulsar a calidade de vida nas áreas rurais a través da colaboración cos concellos, mellorando dotacións e servizos básicos para favorecer a fixación de poboación e o equilibrio territorial.
A orde de infraestruturas de uso público, dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros, permite impulsar actuacións en 32 concellos da provincia este ano cun investimento superior a 1,1 millóns. Subvenciónanse obras en redes de alumeado, pavimentación, prazas, parques, paseos, rúas e rehabilitación de edificios municipais.
As axudas van dirixidas a concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden presentar solicitudes individuais ou conxuntas, financiando ata o 80% do orzamento, cun límite de 40.000 euros para as individuais e 50.000 para as conxuntas.




