A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitou as obras de reforzo de firme na AC-960. Esta actuación, que supón un investimento de case 1,1 millón de euros, busca mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade viaria neste importante eixo de comunicación.
A intervención actuará en dous treitos da vía autonómica, un de 8,1 quilómetros e outro de case 5,5 quilómetros, sumando máis de 13,6 quilómetros renovados. A obra xa está maioritariamente executada, pendente do treito entre o punto quilométrico 3 e o 16, coa previsión de remate para este verán. Esta estrada, utilizada polos veciños e por numerosos vehículos industriais e agrícolas, enlaza coa provincia de Pontevedra.
Ademais, a Xunta tamén actuará noutros tramos da AC-960 nos concellos de Santiago e Touro, sumando unha intervención total de preto de 17 quilómetros na estrada.
Belén do Campo subliñou a necesidade desta actuación para "seguir mellorando as condicións de circulación, incrementar a comodidade dos usuarios e, sobre todo, reforzar a seguridade viaria nunha estrada fundamental para a mobilidade diaria do municipio".
A delegada incidiu en que a Xunta continúa respondendo ás necesidades de conservación da rede autonómica de estradas, priorizando puntos onde o paso do tempo e o uso continuado fan preciso renovar o firme.
As obras adáptanse ao estado de cada tramo, reparando o firme e reforzando con nova capa de aglomerado nos puntos con menor deterioro. Nas zonas con danos máis importantes, retírase a capa deteriorada e repón o pavimento. Tamén se realizan fresados en cuña e reposición do firme en accesos e aparcadoiros, combinando solucións técnicas para unha maior eficacia.
Belén do Campo puxo en valor o esforzo da Xunta na conservación da rede viaria de 5.500 km de estradas, destacando o investimento histórico de 71,6 millóns de euros para estas tarefas no presente ano.




