O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico adiantará 5 anos a idade para someterse ao cribado de cancro de mama, de modo que poderán participar todas as mulleres de 45 a 74 anos. Esta decisión tomouse tras constatar a eficacia de incluír na poboación diana as mulleres de entre 70 e 74 anos, unha medida na que Galicia foi pioneira no 2023.
O Consello da Xunta tomou razón na súa reunión semanal do acordo de ampliación do cribado do cancro de mama, que prevé a súa inclusión gradual. A dita inclusión levarase a cabo de maneira progresiva: serán invitadas por primeira vez todas as mulleres da poboación diana que cumpran 45 ou 50 anos de idade a partir do inicio da ampliación. Ao longo do ano 2027 serán invitadas as nacidas nos anos 1982 e 1977; en 2028 as de 1983 e 1978; en 2029 as de 1984 e 1979; en 2030 as de 1985 e 1980; e en 2031 as de 1986 e 1981. A partir dese momento, só se incorporarán por primeira vez as que cumpran 45 anos.
Deste xeito, o 100% das galegas de entre 45 e 50 anos poderán ter participado no cribado no 2031, e a partir de aí, serán chamadas por primeira vez ao cumprir os 45. A medida, aprobada na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial, aínda está en trámite a norma que modificará a carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde. A proposta establece un prazo de 3 anos desde a publicación da norma para acometer os cambios precisos e 6 anos para acadar a cobertura do 100% deses grupos de idade.
Esta iniciativa da Consellería de Sanidade permitirá acadar xa en 2031 a cobertura do 100% das mulleres deste rango de idade, polo menos dous anos antes do esixido para o conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Ademais, reforza a posición de vangarda de Galicia en materia de cribados poboacionais de cancro.
A ampliación ata os 74 anos, implementada pola Xunta en setembro de 2023, xa demostrou a súa efectividade coa detección de 507 cancros neste grupo de idade. Na rolda de cribado 2023-2024, exploráronse 64.021 mulleres de 70 a 74 anos, cunha taxa de detección da enfermidade do 7,92 por cada 1.000 mulleres, superior á dos grupos inmediatamente inferiores.
O Programa, posto en marcha en 1992 entre os 50 e 64 anos e ampliado en 2005 ata os 69, abrange agora ás mulleres de 50 a 74 anos. Na última rolda, a poboación diana superou as 502.000 mulleres. Desde o seu inicio ata decembro de 2025, realizáronse 4.687.662 invitacións e 3.759.517 exploracións, cunha participación global do 80,20% (83,22% o pasado ano).
Das exploracións realizadas, o 96,75% tiveron resultado de normalidade. No período 1992-2024, detectáronse 14.074 cancros (taxa de detección global de 3,96 por cada 1.000 mulleres). O tempo entre a mamografía e a cita hospitalaria foi de 30 días ou menos para preto do 80% das mulleres con mamografía positiva.
As mulleres participantes no programa diagnosticadas de cancro de mama presentaron máis supervivencia relativa (96,6% aos cinco anos) que as diagnosticadas fóra del (83,1%), atribuíble ao diagnóstico precoz. Ademais, o programa logrou unha redución drástica da mortalidade, cifrada en 910 mortes evitadas no grupo de 50 a 69 anos entre 1992 e 2012. As mastectomías reducíronse a só un 15,02% nas mulleres diagnosticadas.
O Programa galego conta con 24 unidades de exploración mamográfica, tres unidades de avaliación radiolóxica e máis de 20 radiólogos para dobre lectura. Ademais, ten 14 unidades de diagnóstico e tratamento integradas nos hospitais do Sergas.




