As empresas familiares consolídanse como un dos grandes motores da economía galega. A súa achega ao PIB autonómico alcanzou en 2025 os 40.800 millóns de euros, un 130 % máis que hai dez anos, mentres que o emprego xerado supera xa os 600.000 traballadores, un 50 % máis que en 2015. Estas cifras foron destacadas pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante a visita ao novo establecemento The House by Malasa, aberto polo Grupo Malasa no centro da Coruña.
Segundo os datos achegados pola Xunta, en Galicia operan actualmente máis de 60.500 empresas familiares. A conselleira Lorenzana definiu este tecido empresarial como un dos piares do crecemento económico da comunidade, afirmando que "son cifras que mostran o peso real da empresa familiar no conxunto da economía galega e que fan de Galicia unha comunidade líder a nivel estatal".
A visita tamén serviu para valorar a traxectoria do Grupo Malasa, unha empresa familiar fundada en 1992, especializada na fabricación e instalación de mobiliario e elementos de decoración a medida en madeira, metal e cristal. A compañía xera máis de 1.000 empregos directos, dos cales 800 atópanse en Galicia, e conta cunha planta en México. Dende a súa sede en Cerceda, opera en máis de 90 países e desenvolveu máis de 45.000 proxectos para recoñecidas firmas como Inditex, Chanel, Tous, Dolce & Gabbana ou Adidas, ademais de cadeas hoteleiras como Meliá, Barceló ou Hilton.
Para Lorenzana, Malasa representa o modelo de empresa familiar que a Xunta desexa impulsar: compañías capaces de innovar, crecer e internacionalizarse sen perder o seu arraigo en Galicia. "É unha desas empresas familiares que, a base de innovar e de ofrecer solucións a medida para cada cliente, está chegando moi lonxe", concluíu.




