O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o V Congreso Bandístico. Este evento, que reúne musicólogos, directores e intérpretes internacionais en Santiago de Compostela, céntrase na relevancia das bandas populares no devir histórico e cultural de Galicia, tanto na comunidade como na diáspora.
Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, o conselleiro subliñou o papel crucial das bandas de música na conservación e transmisión do patrimonio inmaterial galego. Definíunas como "as maiores dinamizadoras da nosa cultura de base e un eixo vertebrador irrenunciable para a cohesión social das nosas aldeas, vilas e cidades”.
Baixo o título "O patrimonio itinerante: bandas de música galegas entre Europa e América", o congreso explora as conexións transatlánticas a través dos músicos das bandas. López Campos lembrou a estrea do Himno Galego en 1907 no Teatro do Centro Gallego da Habana, interpretado pola Banda Municipal da Habana, para ilustrar como "a nosa música de banda non entende de fronteiras; é un patrimonio vivo e itinerante que viaxou coa nosa diáspora, mantendo viva a identidade galega".
O representante da Xunta de Galicia coincidiu coa necesidade de "protección e posta en valor" do tecido asociativo das bandas, apoiando iniciativas que aseguren o relevo xeracional e a divulgación de repertorios históricos. Louvou o enfoque integrador desta edición, que inclúe espazos para escoitar aos integrantes das propias bandas, como músicos lonxevos, antigos directivos e as primeiras mulleres que se uniron a estas agrupacións.
"O talento das novas xeracións, que hoxe convive neste espazo coa memoria e a experiencia dos veteranos e as pioneiras, é a mellor garantía de que as nosas bandas populares teñen o futuro asegurado", concluíu López Campos. As xornadas, que se estenderán ata o sábado 11 de xullo, terán lugar na Cidade da Cultura de Galicia e no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela.
O acto rematou cun concerto dun dos ensembles da Banda Sinfónica Galega, participantes na residencia artística 'Converxencias' na Cidade da Cultura. Este programa busca incentivar a mellora formativa e a experimentación con novos repertorios a través de clases maxistrais con mestres de prestixio.
Tanto o congreso como a residencia son organizados pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, co apoio da Xunta de Galicia.




