A profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, María Isabel Borrajo García, e a docente responsable da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e doutoranda na UDC, María Teresa Rey Rey, gañaron un dos premios Universidad y Divulgación, convocados por primeira vez pola Fundación Muy Interesante.
O artigo premiado, titulado ‘Fuera de la foto de grupo’ e galardoado na categoría Educación e Sociedade, é un texto de divulgación que busca ensinar a ler cifras e enquisas con sentido crítico. A investigación baseouse nunha experiencia real levada a cabo no marco do programa de voluntariado da USC co alumnado hospitalizado na Aula Hospitalaria do CHUS.
O obxectivo era coñecer como se viven as enfermidades de longa duración nos centros educativos. Para iso, os estudantes deseñaron unha enquisa, analizaron os datos e extraeron conclusións, aprendendo así estatística mentres investigaban a percepción da súa enfermidade nos institutos.
A convocatoria destes galardóns recibiu 577 candidaturas de universidades, organismos públicos de investigación e unidades de cultura científica de toda España. Tras varias revisións, o Padroado da Fundación elixiu un proxecto gañador en cada unha das oito categorías.




