O pleno do Consello Nacional de Protección Civil aprobou hoxe a actualización das directrices básicas de diferentes riscos, como terremotos, volcáns, químicos e de autoprotección. A reunión, á que asistiu por videoconferencia o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, busca adaptar estas normativas á nova lexislación estatal en materia de Protección Civil.
Esta actualización complétase co traballo iniciado no encontro anterior, que se centrou nos riscos de incendios forestais, inundacións, transporte de mercadorías perigosas e meteorolóxicos. Tras esta aprobación, a Xunta de Galicia revisará e adaptará a súa normativa autonómica para aliñala co marco lexislativo estatal vixente en canto a situacións operativas, órganos de dirección, asesoramento e grupos operativos.
Ademais, durante a quenda de rogos e preguntas, a representación galega solicitou a potenciación do sistema Es-Alert. Argumentaron a necesidade de mellorar a súa cobertura, especialmente nas áreas transfronteirizas, para garantir unha comunicación oficial, directa e inmediata coas persoas potencialmente afectadas por unha emerxencia ou catástrofe.




