O programa busca proxectos promovidos por membros das universidades socias que demostren como a innovación, a investigación e a educación poden contribuír ao benestar. Está dirixido ao estudantado, persoal docente e investigador, e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos das institucións de EUniWell.
As propostas deben orientarse a mellorar o benestar en saúde, educación, investigación, sociedade e medio ambiente, fomentando a colaboración transfronteiriza. Cada iniciativa requirirá un equipo de polo menos catro universidades da Alianza EUniWell. Valoraranse tamén proxectos sobre intelixencia artificial (IA).
Cada proxecto poderá optar a unha subvención de ata 25.000 euros, a executar en 12 meses. En casos excepcionais, proxectos de investigación poderán solicitar ata 50.000 euros. O prazo de presentación remata o 24 de xaneiro de 2027, ás 23.59 horas. As seleccións anunciaranse en abril e os proxectos comezarán en maio.
Para facilitar a busca de colaboradores, EUniWell dispón dunha Plataforma de Intercambio de Datos de Investigación.
Celebraranse tres sesións informativas en liña os días 24 de novembro e 10 de decembro de 2026, e 12 de xaneiro de 2027, de 12.00 a 13.30 horas. As consultas xerais poden dirixirse a euniwell.wp8@usc.gal.
O programa xa financiou máis de 80 proxectos. Na décima convocatoria, catro foron coordinados pola USC, incluíndo estudos sobre comunidades marítimas europeas, trastornos da linguaxe en nenos, narrativas literarias na terceira idade e síndrome do bebé sacudido. A USC tamén participa noutros cinco proxectos seleccionados.




