A asociación de antigo alumnado Alumni USC abriu o prazo para a nova edición do seu certame de relato curto. Paralelamente, convocou un obradoiro literario que será impartido polo escritor Francisco Castro os días 14 e 21 de outubro, na Facultade de Filoloxía, en horario de 17.00 a 18.00 horas.
A inscrición para o obradoiro é gratuíta, mais está limitada a 20 prazas que se outorgarán por orde de solicitude. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico alumni@alumniusc.com.
O tema para participar no certame de relato curto é de libre elección, debe ser rigorosamente inédito e estar redactado en lingua galega. O prazo para a presentación dos relatos remata o 20 de novembro de 2026. Cada texto deberá ter un máximo de sete páxinas, tamaño DIN A4, a dobre espazo, coa letra Times New Roman en tamaño 12.
O xurado, composto por expertos na materia, poderá declarar o premio deserto e a súa decisión será inapelable. O relato gañador recibirá unha dotación económica de 500 euros, patrocinados por POBESALUD,S.L. Ademais, entregarase un diploma acreditativo en acto público ao autor ou á persoa que o represente.




