A xornada comezará ás 11.00 h na Casa do Concello cunha rolda de prensa da concelleira de Turismo, Míriam Louzao, para tratar asuntos da súa área.
Posteriormente, ás 12.00 h, na avenida de Rosalía de Castro, 33, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, visitará a galería onde se realizou unha intervención de arte urbana impulsada polo departamento de Mocidade. Nesta visita tamén participarán os artistas Møu, Xoana Almar, Miguel Peralta e Sekone.
Pola mañá, entre as 11.30 e as 13.00 h, o Parque de Galeras acollerá un obradoiro de circo dirixido a nenas e nenos de 3 a 6 anos. A actividade, organizada por Circonove e de balde con inscrición previa, busca achegar o mundo do novo circo a través do xogo.
A programación cultural do día finalizará ás 20.00 h no paseo da Ferradura da Alameda. O Grupo de Música e Baile Tradicional Brincadeira inaugurará o ciclo "Por que non cantades todas?" cun espectáculo que pon en valor o papel das mulleres rurais como creadoras e transmisoras da poesía popular oral galega. O acceso será libre ata completar a capacidade.




