A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución desta convocatoria, destinada a estudantes das universidades galegas que realicen estadías académicas fóra da Unión Europea.
O obxectivo desta iniciativa, dotada cun orzamento de 310.000 €, é fomentar a participación da mocidade galega en experiencias internacionais que melloren as súas competencias lingüísticas e o seu enriquecemento cultural. Estas estadías permiten ao alumnado integrarse noutras comunidades e ampliar coñecementos e experiencias no ámbito académico, profesional e persoal.
Entre os destinos máis elixidos nesta convocatoria destacan Chile, Arxentina e Estados Unidos. Chile concentra a maior parte das mobilidades, seguido de Arxentina e Estados Unidos, aínda que tamén hai desprazamentos a outros países de América, Asia e Oceanía.
Para acceder a estas bolsas, o alumnado debe estar matriculado no curso 2026/27 nalgún grao das universidades participantes. Esta iniciativa forma parte do programa Galemundo, que conta con 18 millóns de euros para impulsar a aprendizaxe de idiomas na comunidade educativa galega.
Con estas medidas, a Xunta busca facilitar que o alumnado universitario acceda a experiencias formativas internacionais que complementen a súa formación e lles permitan coñecer outras linguas, culturas e contornas académicas.




