O CEIP de Pedrouzos, en Brión, deu hoxe venres o pistoletazo de saída á programación especial polo seu 50 aniversario, que se estenderá durante o curso 2026/2027. A celebración comezou co descubrimento dun mural elaborado polo artista Fernando Yáñez na entrada ao patio cuberto do centro.
O acto contou coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da directora do colexio, María Gómez Paz, xunto a autoridades educativas como o director territorial de Educación na Coruña, Santiago Freire Abeijón, concelleiras e representantes da ANPA e do profesorado. O alumnado tamén estivo presente na inauguración.
Pablo Lago, tamén ex-alumno e pai de alumnas do centro, destacou a importancia de celebrar 50 anos e fixo unha defensa da escola pública como "un dos piares da nosa sociedade", subliñando que ofrece "as mesmas oportunidades para aprender, medrar como persoas e soñar cun futuro mellor".
O alcalde agradeceu o labor da comunidade educativa, incluíndo ao profesorado e á dirección, así como ás familias e á Asociación de Nais e Pais (ANPA), cualificándoos como "ponte necesaria entre a aula e o fogar". Tamén mencionou o traballo conxunto da Xunta e o Concello para a rehabilitación das instalacións e a construción dunha dársena de autobuses.
Fernando Yáñez, veciño de Brión, explicou que o mural representa dous rostros fusionados, simbolizando a igualdade. As referencias artísticas inclúen o David de Miguel Anxo, O nacemento de Venus de Botticelli e o globo de Banksy, representando valores como o traballo, o esforzo, o amor, o respecto e a creatividade, así como un símbolo do propio CEIP.
Santiago Freire, director territorial de Educación, sinalou que o mural "simboliza, representa moitos aspectos cos que debemos ter a máxima sensibilidade", como o altruísmo, a solidariedade e o compromiso.
A directora María Gómez engadiu que celebrar 50 anos é honrar as xeracións de nenos, mestres e familias que formaron parte da historia da escola.




