A iniciativa desenvólvese no Pazo de Quián, en Boqueixón, e contou coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, na súa apertura. O obxectivo é conformar un grupo con criterio técnico capaz de realizar unha avaliación sensorial rigorosa e obxectiva, asegurando que os produtos que chegan ao mercado cumpren cos requisitos de elaboración das indicacións xeográficas.
O curso, impartido por especialistas de AINIA Consumer +, ten unha duración total de 10 horas distribuídas en dúas xornadas. A formación combina contidos teóricos e prácticos sobre análise sensorial, identificación de aromas, sabores e posibles defectos. A actividade rematará cunha cata guiada de mostras amparadas polas indicacións xeográficas Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia.
Alemparte subliñou que a aposta da Xunta pola calidade diferenciada implica acreditar con rigor a calidade das elaboracións galegas, reforzando o prestixio das súas indicacións xeográficas. A creación deste panel busca garantir que os produtos responden á calidade que os consumidores agardan deles, valorando a autenticidade e singularidade destas elaboracións tradicionais.




