A localidade de Folgoso do Courel acolle dende o mércores a sexta edición do evento ‘Artesanía de Galicia no Courel’, unha iniciativa da Xunta de Galicia que se estenderá ata o vindeiro domingo. O obxectivo principal é difundir e valorar os produtos feitos á man, os oficios artesanais e a marca Artesanía de Galicia, conectando a creación coa paisaxe e o ámbito rural.
O programa de actividades inclúe cinco cursos de iniciación a oficios como a ourivería, a cerámica, a ebanistería, o gancho e a cestería de vimbio. Ademais, haberá obradoiros gratuítos abertos a todo o público centrados na estampaxe, o tecido tradicional en tear, a elaboración de pinturas e a encadernación.
A visita do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, serviu para destacar a importancia desta iniciativa na promoción do produto artesanal e dos valores da artesanía. O evento está organizado pola Fundación Artesanía de Galicia coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.
Na Casa do Concello desenvólvense obradoiros de Técnicas de cerámica en mesa, impartido por Olalla Lojo, e de estampaxe por Sandra Betanzos. Estes últimos abordarán técnicas como a creación de selos, estampaxe dun pano coa técnica do esterxido e serigrafía sobre camiseta, cun horario de mañá e tarde.
Na Fundación Uxío Novoneyra, Lourdes Otero imparte un obradoiro de tecido en tear manual. Pola súa banda, María José Martínez e José Antonio Carrera ofrecen talleres sobre elaboración de pinturas con pigmentos, prancha de xel aplicada ao tecido, creación de libros infinitos e encadernación australiana.
Os cursos con inscrición previa inclúen iniciación á ourivería, ebanistería, cerámica, tecido e cestería. O curso de Iniciación ao torno cerámico impartido por Carlos San Claudio realízase na Casa do Concello. Outros cursos distribúense na Antiga Escola Unitaria de Parada (ourivería e ebanistería) e no aloxamento rural A Carbiña (tecido e cestería).




