Baixo o lema “A IA non ten límites, tamén é violencia machista”, o Concello de Poio organizará unha serie de obradoiros dirixidos ao alumnado de primaria e secundaria. A campaña inclúe a lectura dunha declaración institucional o vindeiro 25 de novembro e a Andaina Violeta, que se celebrará o domingo 22 entre Lourido e Combarro.
A iniciativa deste ano pon o foco nos deepfakes, imaxes ou vídeos manipulados con intelixencia artificial que poden parecer reais e que se utilizan para humillar, acosar ou chantaxear. O Concello busca que a mocidade saiba recoñecer estas agresións, mesmo cando se presentan como unha broma, e dispoña de ferramentas para actuar.
O alcalde, Ángel Moldes, sinalou que as campañas de prevención abordan temas de actualidade para axudar á veciñanza a recoñecer a violencia machista. Incidiu no papel da cidadanía para frear a difusión de imaxes violentas e na responsabilidade de escoitar e acompañar a quen sofre unha agresión.
A directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, destacou a importancia de adaptar a prevención ao ámbito dixital, onde se reproducen estereotipos de xénero e situacións de violencia. Alertou sobre discursos que desacreditan o feminismo e negan as desigualdades de xénero en plataformas como TikTok, Instagram ou YouTube.
Segundo un informe de Save the Children, arredor do 98% dos mozos e mozas enquisados en España sufriron algunha forma de violencia sexual en contornas dixitais antes dos 18 anos. A organización alerta do uso da IA para crear imaxes falsas e reclama máis protección e educación dixital.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, explicou que a campaña busca sensibilizar sobre a violencia dixital e fomentar o uso axeitado e crítico das novas tecnoloxías. As actividades comezaron a finais de setembro e continuarán nos próximos meses con obradoiros nos colexios e para o alumnado do Obradoiro de Emprego.
Para o alumnado de primaria haberá contacontos sobre prevención de violencia e ciberseguridade, e para sexto de primaria o obradoiro “Previndo a violencia, rompendo estereotipos”. No IES programaranse accións sobre 'IA e prevención de violencia de xénero', 'Violencia de Xénero e novo contorno dixital' e 'Prevención da violencia sexual'.
Ademais das accións formativas, haberá actividades abertas á cidadanía. O obradoiro de autoprotección e defensa persoal para mulleres impartido por Lucía Soto terá lugar os sábados 21 e 28 de novembro. A Andaina Violeta sairá o domingo 22 ás 10.00 horas do parque Costa Xiráldez ata Combarro, onde se lerá un manifesto e se proxectará un vídeo documental. As primeiras 150 persoas inscritas en igualdade@concellopoio.org recibirán unha camiseta.
O 25 de novembro, ás 12.00 horas, celebrarase diante da Casa do Concello un acto contra a violencia machista coa lectura da declaración institucional.




