O Concello de Poio organiza este domingo, 22 de novembro, a andaina Camiño Violeta para visibilizar e sensibilizar sobre a violencia machista. Esta actividade englóbase dentro da programación elaborada para conmemorar o 25N e que pon o foco na violencia dixital exercida mediante a intelixencia artificial.
A andaina sairá ás 10.00 horas do parque Costa Xiráldez, en Lourido, para dirixirse ata Combarro. Alí, na Praza da Chousa, as asociacións do Consello Municipal da Muller lerán o manifesto e, posteriormente, visualizarase un vídeo documental gravado nos distintos talleres e actividades organizadas.
As persoas interesadas en participar poden anotarse no enderezo electrónico igualdade@concellopoio.org, e as primeiras 150 inscricións recibirán unha camiseta.
Tamén este fin de semana, o sábado 21, impártese a primeira sesión do obradoiro de defensa persoal para mulleres no ximnasio municipal de 11.00 a 12.30 horas. A actividade gratuíta será impartida por Lucía Soto, campioa nacional e internacional de kickboxing. Aínda quedan prazas libres, e as inscricións realízanse en igualdade@concellopoio.org.
A campaña do Concello de Poio para o 25 de novembro incide na prevención a través das xeracións máis novas, con numerosos talleres e obradoiros en colaboración cos centros de ensino do municipio.
O mércores, 25 de novembro, ás 12.00 horas, haberá un parón institucional diante da Casa do Concello, onde se lerá un manifesto expresando o compromiso de que Poio sexa un municipio libre de violencia de xénero.




