Un total de 20 alumnos-traballadores do obradoiro de emprego dual “Poio verde e sostible” xa están a intervir nos xardíns do Pazo Besada, un espazo histórico de Poio. A actuación busca mellorar a súa conservación, acondicionar os accesos e recuperar elementos para o disfrute da veciñanza.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado polos concelleiros Marcial García e Manuel Domínguez, supervisou o avance dos traballos. O programa, que se iniciou en xullo, forma aos participantes na especialidade de conservación e mellora de montes.
Ángel Moldes destacou que a intervención permitirá recuperar un espazo emblemático, respectando o seu valor histórico e ambiental, e adaptándoo para o uso veciñal. Subliñou a importancia de conservar a identidade dos xardíns, mellorar a accesibilidade e seguridade, e consolidalo como unha zona verde de referencia.
A iniciativa, que conta coas autorizacións de Patrimonio, inclúe a recuperación de sendeiros con xabre granítico, mellora de pendentes, pavimentos de granito nos accesos, podas de conservación na vexetación, especialmente camelias, e a incorporación de especies adaptadas. Tamén se restaurará o sendeiro interior, escaleiras, a contorna da fonte e o estanque, ademais de mellorar a drenaxe, iluminación e mobiliario urbano.
O proxecto conta cun financiamento de 501.552 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia para sufragar os custos do programa de formación e emprego.




