O acordo busca consolidar o amplo programa de atención e prevención ao que poden acceder todas as veciñas e veciños do municipio, incluíndo servizos sociais, psicolóxicos, de fisioterapia, voluntariado, préstamo de material ortoprotésico, nutrición e logopedia.
Segundo a memoria da entidade, entre xaneiro e agosto foron atendidas 89 persoas, 24 máis que no mesmo período de 2025. Os servizos con maior demanda son fisioterapia, atención psicolóxica e social, seguidos de logopedia, exercicio físico oncolóxico e nutrición.
A colaboración entre o Concello de Poio e a AECC fai fronte á enfermidade e ás súas repercusións, ofrecendo atención especializada e próxima nas sedes da asociación, nos domicilios das persoas vulnerables e nos hospitais.
Os servizos inclúen información sobre o cancro, xestión de axudas sociais e económicas, préstamo de material ortoprotésico, atención psicolóxica individualizada, fisioterapia e programas de voluntariado.
O voluntariado é unha peza clave para a AECC en Poio, permitindo desenvolver programas e actividades dirixidos á poboación xeral e ás persoas con cancro e as súas familias.
Ao longo deste ano, tamén se desenvolveron campañas de prevención e sensibilización sobre o cancro, como as relacionadas co Día Mundial contra o Cancro, o cancro de colon, o Día Mundial sen Tabaco, a prevención solar e o cancro de mama.
O Concello de Poio destinou preto de 5.000 euros en subvencións a entidades sociais neste ano 2026. Entre as beneficiarias atópanse tamén as asociacións Amencer, Alba, Amizade, Xuntos, Persoas Xordas de Pontevedra e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.




