As obras, adxudicadas á empresa COVSA, buscan mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil, ademais de reordenar o tráfico ao longo do peirao. O alcalde, Ángel Moldes, supervisou o inicio dos traballos, que teñen como obxectivo principal corrixir as irregularidades do pavimento e diferenciar a zona de circulación de vehículos da destinada aos peóns.
A intervención tamén inclúe a mellora da rede de recollida de augas pluviais, desviando as escorrentías cara á zona de escollera para evitar que cheguen ás praias do Covelo e de Area da Barca. Completarase coa instalación dunha varanda na fronte marítima e a renovación da iluminación pública.
Esta transformación facilitará a convivencia entre a actividade portuaria, os usos residenciais e hostaleiros, e as visitas á zona, creando un percorrido máis seguro e accesible. O proxecto, cun orzamento de 450.000 euros, é froito da colaboración entre o Concello de Poio, Portos de Galicia e a Consellería do Mar.
O Goberno local dá así resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Samieira, despois de completar a transformación do acceso ao porto de Raxó. Unha vez rematada a actuación do Concello, Portos de Galicia asumirá a pavimentación para crear unha plataforma única de formigón.




