O Goberno galego somete a trámite de información pública o proxecto de trazado dos treitos comúns dos Camiños Portugués e da Costa. Esta actuación enmárcase no Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago, co obxectivo de evitar que peregrinos e usuarios transiten por zonas de circulación de vehículos nestas rutas xacobeas.
O proxecto, que forma parte da estratexia de fomento da mobilidade sostible do Goberno galego, implicará a afectación de 248 predios en 14 concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña. Os municipios beneficiados son Redondela, Vilaboa, Pontecesures, Barro, Portas, Tui, Pontevedra, Baiona, O Porriño, Valga, Padrón, Teo, Rois e Ames.
Abrese agora un período de 30 días hábiles, a partir do 5 de agosto, para que as persoas afectadas poidan presentar alegacións sobre a concepción global da actuación, alternativas analizadas, ou para rectificar erros. As alegacións deberán dirixirse por escrito á Axencia de Turismo de Galicia. Unha vez atendidas, procederase á aprobación dos trazados definitivos polo Consello da Xunta.
A documentación completa do proxecto estará dispoñible na sede central de Turismo de Galicia, nas súas áreas provinciais de Pontevedra e A Coruña, e nos 14 municipios implicados. Tamén se poderá consultar na páxina web de Turismo de Galicia.
Esta iniciativa forma parte do Plan de seguridade viaria dos Camiños de Santiago, que conta cun investimento global superior aos 40 millóns de euros e actuacións en máis de 150 quilómetros das nove rutas xacobeas terrestres. Previamente, xa pasaron por este trámite o Camiño Primitivo, o Camiño de Fisterra-Muxía, o Camiño de Inverno, o Inglés e o do Norte.




