A actuación, que se enmarca no Plan Hurbe da Xunta, busca completar este equipamento municipal. Incluirá a urbanización da parcela que rodea o edificio, situada preto da igrexa de San Miguel do Campo, e a habilitación dun acceso tanto peonil como rodado ás instalacións.
Os traballos tamén contemplan a execución de muros de contención de pedra, a instalación dunha nova iluminación, a mellora da sinalización e o redeseño do mobiliario urbano. Ademais, procederase á plantación de árbores, á instalación de varandas e ao soterramento das liñas de alumeado e tendido eléctrico. Na contorna do edificio instalaranse tamén aparellos de exercicio saudables e unha pista de petanca.
As empresas poderán presentar as súas ofertas para esta intervención ata o vindeiro día 7 de setembro.
O investimento total previsto para esta actuación ascende a 511.752 euros. Segundo o convenio asinado entre a Xunta e o Concello para este proxecto ao abeiro do Plan Hurbe, a Xunta achegará o 51% do investimento total (260.993 euros), ademais de encargarse da licitación e execución das obras. Pola súa banda, o Concello asumirá o 49% restante (250.758 euros), xestionará os permisos necesarios e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións, que se integrarán no patrimonio público municipal.
A través do Plan Hurbe, a Administración autonómica apoia aos municipios na financiamento de diversas intervencións dirixidas a completar equipamentos, mellorar a accesibilidade ou transformar contornas urbanas.




