A Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron en Combarro a nova campaña de promoción turística do Camiño do Litoral. O obxectivo é consolidar esta ruta costeira, de 1.373 quilómetros e 52 etapas, como unha experiencia cada vez máis visible, accesible e conectada cos viaxeiros e os municipios polos que atravesa.
A campaña inclúe a distribución de carteis promocionais con códigos QR que dirixen á aplicación móbil, materiais para as oficinas de turismo e recursos para os camiñantes, como cadernos de bitácora, lapis e chaveiros. Segundo Ángeles Vázquez, estas accións buscan que a experiencia perdure na memoria dos peregrinos e que a aplicación móbil se mellore coa integración de información turística da Axencia de Turismo de Galicia.
Xosé Merelles destacou o potencial turístico do Camiño do Litoral, en liña cos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Subliñou a importancia de distribuír a oferta turística polos máis de 1.300 km de litoral e 78 concellos, potenciando o turismo costeiro e de natureza. Tamén resaltou a colaboración entre departamentos para "ordenar, protexer, e poñer en valor o noso litoral facéndoo accesible de xeito sostible".
A Conselleira lembrou que o Camiño do Litoral é un patrimonio compartido polos 78 concellos, os seus habitantes, peregrinos e visitantes, e recalcou a responsabilidade de traballar conxuntamente co sector turístico para facer desta experiencia un itinerario accesible, sostible e coñecido.




