O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, anunciou hoxe en Ponte Caldelas que o proxecto de rehabilitación sairá mañá a información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG). A obra, promovida pola Xunta, conta cun investimento superior aos 300.000 euros.
O obxectivo do proxecto é rehabilitar a drenaxe transversal na PO-331, no punto quilométrico 13+090, e na PO-532, no punto quilométrico 10+250, no concello de Ponte Caldelas. Estas actuacións buscan garantir a conservación das estradas e reforzar a seguridade viaria.
No caso da PO-532, a rehabilitación da drenaxe realizarase mediante a instalación dun novo tubo de PRFV (plástico reforzado con fibra de vidro) dentro da estrutura existente, seguido dun recheo con formigón inxectado. Na PO-331, será necesario escavar sobre a drenaxe actual para substituír a condución por un novo tubo de PRFV e posteriormente repoñer o firme afectado.
O proxecto non require expropiacións, só ocupacións temporais durante a execución das obras, cun prazo estimado de 16 semanas. O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta co mantemento e modernización da rede viaria autonómica.




