O fallo do xurado, que tivo lugar o pasado 6 de xuño, tamén quixo destacar a calidade do proxecto finalista, titulado Alfa. A entrega oficial dos galardóns terá lugar o vindeiro 28 de xuño, no marco da IV edición do Festival BDra Gráfica que se celebra en Pontevedra.
A obra gañadora foi eloxiada polo xurado pola súa capacidade para manter o espírito da novela orixinal de Álvaro Cunqueiro, achegando ao mesmo tempo unha visión persoal e innovadora. Destacouse especialmente o seu grafismo contemporáneo, que incorpora elementos da estética románica e iconografía medieval, creando unha dimensión visual singular.
A adaptación logra un equilibrio especialmente afortunado entre texto e imaxe, construíndo un discurso narrativo de grande forza expresiva.
Pola súa banda, o proxecto finalista foi recoñecido polo seu estilo expresivo e a súa estrutura narrativa, que aborda reflexións sociais a través dunha fábula cargada de simbolismo e humor. Ambas as obras serán publicadas pola editorial Galaxia ao longo do ano 2027 nas súas coleccións especializadas.
Esta sétima edición do certame, organizada pola escola O Garaxe Hermético, introduciu novidades significativas, como a colaboración coa editorial Galaxia e a creación de dúas modalidades diferenciadas: unha para público infantil e xuvenil e outra centrada na adaptación de clásicos para adultos.




