Raúl Santamaría, coñecido pola súa participación no programa televisivo Reacción en Cadena como membro dos Mozos de Arousa, aspira a suceder no cargo a Ana Cristina Pérez Cabaleiro, quen dirixiu a entidade xuvenil durante os últimos oito anos. A súa candidatura preséntase catro días despois de que a xunta directiva provincial activase o proceso congresual.
O parlamentario do PPdeG iniciará este venres en Vilagarcía, a súa localidade natal, a recollida de sinaturas entre os militantes para obter os apoios necesarios que o convertan oficialmente en candidato. Unha vez superado este trámite, Santamaría ten previsto realizar unha xira polas comarcas de Pontevedra para expoñer o seu proxecto.
“"Tivemos unha grandísima etapa de case oito anos con Ana Cristina e hai que darlle continuidade ao noso proxecto provincial de Novas Xeracións, que é o máis axeitado e próximo á mocidade e, por iso, creo que chegou o momento de asumir novas responsabilidades neste ámbito e ofrecerme á miña organización por se considera que podo ser a persoa que dirixa o futuro."
Santamaría, nacido en Vilagarcía de Arousa en 1998, preside as Novas Xeracións da súa localidade desde 2016. A súa traxectoria política tamén inclúe o seu labor como concelleiro no Concello de Vilagarcía desde 2022 e, dende 2023, como deputado no Parlamento de Galicia.




