A cidade de Pontevedra acollerá a súa estrea no festival Pint of Science, unha iniciativa global que leva a ciencia a bares e locais de ocio. Os días 19 e 20 de maio, a Taberna Nasa será o epicentro de catro charlas deseñadas para achegar ao público cuestións científicas de actualidade, dende a saúde e as novas tecnoloxías ata a sostibilidade e a longevidade.
Este evento, considerado o maior festival de divulgación científica gratuíta do mundo, desenvólvese simultaneamente en 27 países. En Pontevedra, a cita conta coa implicación de sete voluntarios do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, do grupo Idara do CHUP e da Universidade de Vigo, co obxectivo de "achegar á sociedade a ciencia que se desenvolve en universidades ou centros de investigación" nun ambiente informal.
As xornadas buscarán tamén visibilizar o talento investigador local. Entre os participantes atópanse Pablo Hernández Lucas, quen abordará os mitos sobre a dor de costas; Víctor José Sánchez, que falará sobre postcrecemento económico e ecolóxico; Helena Vila Suárez, centrada na importancia da musculatura para a saúde e a lonxevidade; e Juan López Barreiro, que explorará o papel das novas tecnoloxías na promoción de hábitos saudables.
As sesións, que comezarán ás 19:00 horas, terán acceso libre e gratuíto. Segundo sinalan os organizadores, a iniciativa permite "achegar a investigación que se fai aquí á xente que vive aquí", ofrecendo "dúas noites para servir unha boa pinta de coñecemento, preguntar, dubidar e descubrir sen filtros".
A nivel estatal, Pint of Science reunirá a 1.300 investigadores en 114 cidades e vilas os días 18, 19 e 20 de maio, incluíndo 29 áreas rurais. A iniciativa, que cumpre a súa undécima edición en España, naceu no Reino Unido en 2013 coa idea de levar a ciencia aos bares, converténdose nun fenómeno global con 750 voluntarios e miles de eventos celebrados.




