O PP de Pontevedra esixe explicacións pola paralización das obras de Doce de Novembro

O Partido Popular de Pontevedra manifesta a súa preocupación polo atraso e a posible paralización definitiva do proxecto do parque urbano.

Imaxe xenérica dunha obra paralizada con barreiras de seguridade laranxas.
IA

Imaxe xenérica dunha obra paralizada con barreiras de seguridade laranxas.

O Partido Popular de Pontevedra solicitou explicacións ao Goberno local ante as "incertezas" que rodean as obras do parque urbano na rúa Doce de Novembro, que acumulan meses de atraso.

O concelleiro Iago Acuña expresou a crecente inquedanza do seu partido polas dúbidas xurdidas sobre unha posible paralización definitiva do proxecto. Este xa rexistra un atraso significativo desde a súa adxudicación en maio por 643.000 euros, e os traballos de desbroce non comezaron ata febreiro deste ano.

"Unha vez máis, atopámonos ante un exemplo máis da desidia de Lores e o BNG, que marcou a xestión municipal nos últimos anos."

Iago Acuña · Concelleiro do PP de Pontevedra
O PP anunciou que "fiscalizará" para evitar que se repitan situacións como as obras inacabadas do Teatro Principal ou o campo de fútbol de Salcedo, que se rematou con atraso e deficiencias, e cos accesos aínda pendentes. Ademais, subliñou a necesidade de mellorar a seguridade viaria no cruce cara aos xulgados da Parda, para garantir que os peóns poidan transitar de forma segura pola beirarrúa.
A formación política tamén sinala que o atraso nesta actuación, financiada mediante un convenio coa Deputación, podería ter consecuencias administrativas e económicas. O incumprimento dos prazos podería obrigar a modificar o acordo vixente, xerando máis demoras e prexuízos para os veciños da zona. O PP de Pontevedra urxe "explicacións inmediatas" sobre a retirada das casetas de obra e demanda coñecer a causa formal pola que a empresa adxudicataria non retomou os traballos tras as vacacións de Semana Santa.
Pola súa banda, o Concello de Pontevedra xa solicitou explicacións á empresa Oresa, adxudicataria dos traballos, tras a retirada das casetas de obra. O edil de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, indicou que non tiñan constancia de nada sobre a situación mercantil da firma viguesa, que tamén tivo problemas noutras obras públicas en Marín. A actuación en Doce de Novembro busca mellorar a accesibilidade nunha zona sen beirarrúas, onde moitas persoas se ven obrigadas a invadir a calzada para desprazarse entre Joaquín Costa e a Rúa das Hortas, cara á Cidade da Xustiza.