Esta revisión, a primeira en 23 anos, eleva o número total de topónimos a 42.909, abarcando os 313 concellos galegos, as súas parroquias e entidades de poboación. Tras un estudo exhaustivo de 4.398 casos, a Real Academia Galega (RAG) propuxo cambios en 2.531 topónimos, dos cales 14 corresponden a concellos, 182 a parroquias e 2.335 a lugares ou entidades de poboación.
Na provincia de Pontevedra, cinco concellos experimentan modificacións nos seus nomes: Campo Lameiro pasa a ser O Campo Lameiro, Mondariz-Balneario e Cerdedo-Cotobade perden o guión, A Cañiza cambia a A Caniza, e Cangas engade o apelido de Morrazo. Vicente Feijóo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, subliña que cada cambio ten unha xustificación científica e non é froito do azar.
No caso específico do municipio de Pontevedra, a revisión inclúe a modificación de dúas parroquias por cambios na súa advocación. San Vicente de Cerponzóns pasa a denominarse San Vicenzo de Cerponzóns, recuperando o nome tradicional, mentres que as advocacións de San Bartolomeu e Santa María desaparecen do topónimo oficial de Pontevedra. Ademais, detectáronse 47 novos lugares ou entidades poboacionais e realizáronse 27 cambios de nome en parroquias do concello.
“"Puxémonos case de forma especial a traballar sobre o concello de Pontevedra, de aí que revisaramos todos os nomes de aldeas e parroquias e atopamos estes que lles faltaba o artigo e incorporamos estes 47 que faltaban e outros saíran do traballo de campo feito polo Concello."
A particularidade de Pontevedra débese a que o Concello, a través do concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, e a normalizadora Conchi Cochón, contactou coa RAG hai catro anos para reformar o censo municipal e rotular correctamente barrios e parroquias. Este traballo previo facilitou a identificación de lugares que non figuraban nos nomenclátores existentes.
Antón Santamarina, tamén coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, explica que o obxectivo da reforma é corrixir desaxustes do Nomenclátor de 2003, que xa supuxo un avance fronte aos nomenclátores franquistas. Os investigadores insisten na base científica dos cambios, empregando criterios etimolóxicos, a oralidade e documentación histórica, remontándose incluso á Idade Media para restituír formas históricas como en Cangas de Morrazo.




