Esta distinción, outorgada pola Secretaría de Estado de Turismo, subliña a continuidade da festividade ao longo do tempo, a orixinalidade dos seus vestiarios, a recuperación de danzas ancestrais e a diversidade de actos que compoñen a celebración.
“"A antigüidade, singularidade e riqueza cultural desta celebración tradicional de Vilaboa son aspectos clave para o seu recoñecemento."
Un dos trazos máis distintivos do Entroido de Cobres é que se trata do único entroido tradicional de Galicia onde os seus personaxes principais non empregan máscaras, o que lle confire unha identidade propia no panorama festivo galego. Con esta declaración, Galicia suma xa doce celebracións con este recoñecemento, sendo o Entroido de Cobres a número 162 en todo o territorio español.
Aínda que non se coñece unha data de orixe precisa, o Entroido de Cobres vénse celebrando de forma ininterrompida dende o século XVIII, con excepcións puntuais como a Guerra Civil ou a pandemia. A festa mantén elementos tradicionais como as madamas e os galáns, figuras centrais con elaborados traxes, así como personaxes como os “vellos” ou o “predicador”, que achega unha visión crítica e humorística sobre a actualidade local.
O punto álxido do Entroido de Cobres é a Corrida do Galo, un evento onde se recrean xogos tradicionais arredor dun galo simbólico, mesturando competición, humor e participación popular. A xornada remata con actuacións, danzas, o sermón do predicador e a queima dun galo ficticio, nun peche cargado de simbolismo. A celebración, que se desenvolve entre o sábado e o martes de Entroido, inclúe tamén festas nocturnas, encontros e actividades gastronómicas, consolidándose como un dos eventos máis representativos do patrimonio cultural galego.




